Música
María Xosé López
ESTUDOS
Comeza a tocar a gaita con 13 anos da man do mestre Henrique Otero, membro dos Cruceiros de Vigo e daquela profesor no Conservatorio de Vigo. Neste centro cursa os seus estudos de solfexo, gaita e canto coral. No ano 1985 entra na Universidade Popular de Vigo para aprender construción de gaitas, dedicándose profesionalmente a esta actividade dende o ano 1988 até o 2001.
No ano 1986 comeza a interesarse pola zanfona, tendo feito varios cursiños con mestres como Claude Flagel ( Bélxica), René Zosso ( Suíza) e Laurent Tixier (Francia).
ANDAINA PROFESIONAL
Despois de ter participado na banda de gaitas do Conservatorio de Vigo e na banda Raigames, comeza a desenvolver a súa actividade musical no seo do grupo MUXICAS, no que entra a formar parte no ano 1987 até o ano 1997, e onde exerce como gaiteira, zanfonista e cantora.
Paralelamente a Muxicas desenvolvera outras iniciativas como Seitura, Gaiteiros Fozóns e os comezos de Anamoura, trío de zanfona, guitarra e percusións co que gravaría un disco que explora as posibilidades dos instrumentos implicados, e que estará activo ata o ano 2002.
Nese ano funda co portugués Eduardo Monteiro o grupo Cor de Roda, no que se exploran a música galega e a música portuguesa aportando as dúas zanfonas dos dous músicos.
Dende o ano 98 até a actualidade participa todos os anos nos concertos para escolares, levados a cabo pola asociación Gaiteiros da Xistra.
No ano 2001 participa como cantora, zanfonista, gaiteira e produtora artística no disco do grupo Na Virada, Rolada das cantigas, proxecto articulado arredor das composicións de Xico de Cariño e dedicado ao público infantil , mais dende unha perspectiva fresca e diferente.
A finais do 2006 editarán o segundo disco da formación Solaina
No 2003 participa co actor Santi Prego nun espectáculo de contacontos con música sobre o Camiño de Santiago, espectáculo que levaron pola xeografía galega e por Polonia, continuando esta colaboración até hoxe en día co espectáculo “Cantar de cego”
DOCENCIA
Cursiños de gaita como monitora de gaita e percusión da Xunta de Galiza, en Lausanne, Génève, Lisboa, Córdoba, Barcelona e Amberes, entre os anos 90 e 93.
Entre os anos 2000 e 2002 dá aulas de gaita na Escola de Percusión “Toca Rufar” do Seixal, e na Associaçao Gilteatro de Alcochete.
Nos anos 2003 e 2004 dará aulas de gaita e percusión galega na Associaçao Portoceltico, na Maia e en Famalicao.
No ano 2007 imparte o cursiño de zanfona que se celebra na Páscoa organizado polo grupo lugués, Cantigas e Flores, de gran tradición na música tradicional.
DISCOGRAFÍA
1988- O Demo Fungón - MUXICAS
1990 – Desafinaturum – MUXICAS
1992 – Escoitando medra-la herba – MUXICAS
1996 – No colo do vento – MUXICAS
1999 – A Chave do cerne – ANAMOURA
2002 – Rolada das Cantigas – NA VIRADA
2006 – Solaina – NA VIRADA